Punta de Mera Imprimir

Un lugar singular de Oleiros, de merecida visita, é a lagoa de Mera, un pequeno lago artificial, produto da extracción de barro para a elaboración de tellas e ladrillos, no que hoxe en día atopan refuxio e alimento diversas especies de aves. Aquí pódese comezar a ruta.

Mapa - Punta de Mera

Tras percorrer o paseo marítimo de Mera e atravesar a vila mariñeira de Xoez, chégase á punta de Mera, a 2 km de distancia. Esta punta está fóra do percorrido do sendeiro peonil da costa de Dexo e pódese acceder ata ela en coche. Nela atópanse os faros e a antiga casa do fareiro, convertida hoxe en Centro de Recepción de Visitantes do Monumento Natural Costa de Dexo-Serantes, as ruínas dunha estrutura militar, a fonte de Baixo en Espiñeiro, o manancial de Fontenla e unha colonia de corvos mariños nos seus acantilados. As ruínas militares pertencen á batería de Mera, que formou parte da estrutura de protección da ría da Coruña xunto cos fortes de Santa Cruz e Santo Antón. Construíuse entre 1640 e 1655, artillada por seis pezas e carecía de defensas cara á terra, polo que se recomendou a súa reforma, que nunca chegou a termo. En 1764 desartellouse e volveuse artillar a finais de século, pero ante a invasión francesa de 1808 botáronse as súas pezas ao mar para evitar que os franceses as utilizasen. Xamais volveu funcionar e hai poucos anos foron recuperados varios dos seus canóns do fondo do mar.

Desde esta punta divísase a enseada de Fontenla e a insua de Montemeán ao NE, onde unha colonia de gaivotas patiamarelas cría cada ano. Xusto en fronte, por onde se pon o sol, eríxese a Torre de Hércules e, un pouco máis ao sur, o porto da Coruña.

O sendeiro obriga a retroceder ata o desvío ao Seixo Branco.