Desde tempos remotos a costa de Dexo-Serantes estivo poboada. Proba diso son os restos de antigos asentamentos fortificados que podemos encontrar na zona. Dentro dos límites do monumento natural hai rexistrados catro castros: o castro de Subiña, o de Castromén, o de punta Roza e o de punta Torrella. O primeiro localizábase na parroquia de San Xulián de Serantes e os outros tres na de Santa María de Dexo. Excepto o de Castromén, presentan un bo estado de conservación, aínda que a vexetación que os recobre impide ver as súas estruturas. Os castros de punta Roza e punta Torrella son dous bos exemplos de castros costeiros galegos. Ambos presentan características similares: están abertos cara ao mar e localízanse sobre puntas rochosas e acantiladas que forman pequenas penínsulas. A defensa natural que lles proporciona o mar compleméntase con varias murallas concéntricas semicirculares e foxos cara ao interior do continente.
Dentro dos límites do espazo protexido da Costa de Dexo-Serantes podemos encontrar varias fontes e lavadoiros, como son o lavadoiro e a fonte de Canabal, o lavadoiro do río da Pedra e os mananciais de Fontenla e Fonte Ornela. Segundo crenzas populares, arredor delas existen seres míticos que gardan tesouros ou feiticeiras que lles outorgan virtudes máxicas ás augas. |
|
Páxina web realizada grazas á orde do 6 de xuño de 2008, de axudas a programas de acción de Concellos incluidos na Rede Natura 2000.
Feito con Joomla!. Designed by: Free Joomla Template, website hosting. Valid XHTML and CSS.