Vixías que axudan ao mariñeiro |
|
|
|
A costa é un lugar cheo de perigos para o navegante. Grandes rochas afundidas ou escarpados acantilados que continúan baixo a superficie do mar poden supoñer un risco evidente. A localización dos faros e boias, así como a combinación das súas luces, teñen como obxectivo orientar a navegación dos barcos para que cheguen a porto de xeito seguro. Na costa de Dexo existen dúas torres de enfilación que cumpren tamén a función de marcas de balizamento denominadas popularmente os “Faros de Mera”. A torre de Punta de Mera Anterior, máis próxima ao mar, é coñecida como o “Faro Pequeno”, e a torre de Punta de Mera Posterior como “Faro Grande”. Foron erixidas en 1917 dentro do plan para a modernización da sinalización costeira da Dirección Xeral de Obras Públicas. O seu proxecto de construción foi dirixido polo enxeñeiro Salvador López Miño, que tamén construíu o faro de Oza no porto da Coruña. Con eles pretendía facilitar a entrada ao porto e resolver o problema que supoñían os baixos do Banco Xacentes. Son dúas torres octogonais que se caracterizan polo seu remate en terrazas decoradas cunha elegante balaustrada de celosía e lanternas poligonais. Nos seus primeiros tempos tiñan unha lámpada de incandescencia para vapor de petróleo da empresa Julius Pintsch (Berlín). En 1932 cambiaron ao actual sistema eléctrico que emite luz visible ata 8 millas.  |  |
A entrada na ría da Coruña pódese efectuar seguindo dúas canles de aproximación: - A canle de Punta Herminia, con profundidades mínimas de 28 m, que discorre entre o baixo Basuril do Banco Xacentes e a citada punta, cuxa enfilación se logra aliñando visualmente as dúas torres de Mera. Esta canle non adoita ser utilizada polos buques de gran calado debido a que é moi estreita.
- A canle do Seixo Branco, que discorre entre o Banco Xacentes e os baixos da Mula. Para navegar polo centro desta canle hai que se valer das torres de enfilamento de Punta Fieiteira. A canle do Seixo Branco, aínda que de menor calado, rexistra un maior tráfico de grandes buques, pois permite unha maior marxe de manobra. Dentro xa da ría, antes de cambiar de rumbo cara ao interior do porto, o faro do Dique de Abrigo (verde) e a boia do Baixo Guisanda (vermello) cerran a canle.
|
P&https:e;xina web realizada grazas á orde do 6 de xuño de 2008, de axudas a programas de acción de Concellos incluidos na Rede Natura 2000.
Joomla!.
Designed by: Free Joomla Template, website hosting. Valid XHTML and CSS.