A costa de Dexo-Serantes encádrase totalmente na unidade de xistos cristalinos de Bergondo, rochas metamórficas moi sensibles á erosión, o cal se reflicte na paisaxe de acantilados fortemente desgastados e con perfil costeiro serrado.
Alternando entre os acantilados do espazo natural preséntanse elementos da paisaxe de grande beleza, como pequenas calas e enseadas, espectaculares covas mariñas (furnas) e algúns illotes como os de insua de Montemeán e A Marola.
O Seixo Branco
O nome do Seixo Branco vén dado pola existencia dun gran filón de cuarcita, o único existente na costa de Dexo-Serantes. Este filón, moi chamativo polas súas dimensións e a súa cor branca, corta claramente o acantilado de xisto, trazo polo cal os especialistas na materia lle asignan unha orixe posterior á Oroxenia Hercínica.
O mar labra covas no acantilado
Labradas nas paredes rochosas do acantilado aparecen as furnas, covas mariñas que se orixinan polo continuo desgaste que xera a forza da ondada. As partes máis brandas e débiles do acantilado degradaranse máis rapidamente que as rochas próximas, e é nelas onde se orixinan, pouco a pouco, as furnas, que evolucionarán desde estados incipientes a verdadeiras cavidades que se meten na terra. Ás veces, en etapas máis evolucionadas do proceso de erosión, prodúcese a unión de dúas covas contiguas, quedando illados anacos do acantilado en forma de illotes. Este fenómeno tamén é observable na costa de Dexo-Serantes.
En ocasións, o teito da cova derrúbase, dando lugar a impresionantes ocos no terreo. Neste tipo de furnas orixínase un pozo ou conduto vertical que conecta a superficie co fondo da cova. Exemplos diso son as furnas de Ollo Grande, A Regocha e Ollo Pequeno, todas elas localizadas no Seixo Branco.
|
 |
A escaseza de luz reinante nas furnas limita o crecemento de organismos fotosintéticos, polo que só unhas poucas plantas poderán vivir nestes ambientes. Non obstante, constitúen un ambiente de especial importancia, xa que aves como o corvo mariño cristado, cun elevado interese científico e conservacionista, elixe lugares como este para instalar o seu niño.
|
P&https:e;xina web realizada grazas á orde do 6 de xuño de 2008, de axudas a programas de acción de Concellos incluidos na Rede Natura 2000.
Joomla!.
Designed by: Free Joomla Template, website hosting. Valid XHTML and CSS.