Centro de recepción de visitantes, unha porta ao paraíso |
A antiga casa do fareiro dos faros de Mera transformouse no Centro de Recepción de Visitantes do Monumento Natural Costa de Dexo-Serantes, a Aula do Mar. A Aula do Mar sorprende o visitante cunha exposición que pretende introducirnos no tramo de costa entre o Cabo Mera e o porto de Lorbé. No interior deste centro descubrirás, por exemplo, unha reprodución dunha batea ou unha furna na que poderte somerxer e coñecer o ámbito de primeira man. Tamén podes gozar dos antigos focos do faro de Mera ou visualizar sobre unha foto aérea os principais elementos e puntos de interese do monumento. Sen dúbida, este é o mellor punto de partida para todos aqueles interesados en coñecer a costa de Dexo-Serantes. Situada nunha zona con gran valor natural, convértese na porta natural e case obrigada deste espazo protexido. A Aula do Mar é o lugar idóneo non só para contemplar unhas vistas espectaculares, senón tamén para coñecer máis sobre esta zona. O centro alberga no seu interior unha exposición interpretativa permanente, distribuída en dúas salas e dous miradoiros acristalados, unha ampla terraza e puntos de observación ornitolóxica. A Aula do Mar non só actúa como centro de recepción de visitantes do monumento natural, senón que tamén ofrece información e asesoramento sobre as condutas aconsellables dentro dese monumento. Os colectivos interesados poden solicitar neste centro os servizos dun guía que os acompañe nun percorrido pola aula e os seus paradisíacos arredores. Ou tamén participar nalgunhas das actividades ofertadas para grupos. |
Páxina web realizada grazas á orde do 6 de xuño de 2008, de axudas a programas de acción de Concellos incluidos na Rede Natura 2000.
Feito con Joomla!. Designed by: Free Joomla Template, website hosting. Valid XHTML and CSS.